I Love A Pobra do Brollón    forodebrollon@gmail.com http://www.facebook.com/notes/benxam%C3%ADn-mac%C3%ADa/20-abril-1949-sucesos-de-repil-do-libro-a-guerrilla-antifranquista-de-mario-de-l/10150698717923920 Fecha  20/04/2012 19:39 
Host: No mostrado/ Not shown    IP: No mostrado/ Not shown    Sistema: Windows NT


Volver al foro Responder 20 ABRIL 1949 - SUCESOS DE REPIL (do libro "A guerrilla antifranquista de Mario de Langullo, O Pinche", de Antonio Téllez Sola)   Admin: Borrar 	mensaje
 
Mensaje
XVIII

A exterminación da partida de Evaristo González Pérez O Roces

"Na Pobra do Brollón (Lugo) e por forzas da Garda Civil daquela Comandancia, en unión doutras do sector de Ponferrada (León), foron atacados e cercados os compoñentes dunha partida de bandoleiros, que se viron obrigados a refuxiarse en dúas casas.
Como consecuencia da dura acción sostida, resultou totalmente aniquilada a partida, á que se lle fixeron seis mortos e un ferido, que foi capturado, recolléndose abundantes armas e municións. Entre os mortos figuran, como máis significativos, Evaristo González Pérez (o) Roces, xefe da partida, e Guillermo Morán García, bandoleiros ávidos de negra historia polos crimes e saqueos cometidos na comarca. As forzas da Garda Civil tiveron que lamentar un ferido grave e outro leve".

(Do Diario La Región, de Ourense, do sábado 23 de abril de 1949)

Este episodio tivo lugar xustamente na raia dos concellos de Monforte co da Pobra do Brollón, estando a casa máis implicada no concello de Monforte, entre as vías do tren e un piñeiral. Aínda que non estou totalmente de acordo coa descripción según referencias chegadas a mín de xente "case que implicada", non entro nin saio no relato de Antonio Téllez, según o escoitara O Pinche tamén a terceiras persoas. (N. de B. Macía )


A partida de Evaristo González Pérez O Roces paraba en dúas casas situadas a uns cincocentos metros de Chavaga, duns cento cuarenta habitantes, pertencente ao concello lugués de Monforte de Lemos. Entre as dúas vivendas, separadas uns douscentos metros, pasaba a vía do Ferrocarril Monforte-A Pobra do Brollón e tamén a estrada. Nunha destas casas, pegadiña a un piñeiral e moi perto da vía -por onde patrullaban sempre os gardas do posto da Pobra do Brollón-, paraban O Roces e un dos enlaces, Ramón López Casanova. O día dos feitos tamén estaba María, unha irmá de Ramón López.

A outra casa, situada máis a beira da estrada, servíalle de refuxio ao asturiano Guillermo Morán García, a Gregorio Colmenero Fernández O Porreto, que era de Torbeo, ao santanderino Julián Acebo Alberca O Guardiña, ao zamorano Samuel Mayo Méndez Saúl e a Fermín Gutiérrez Lada Fermín Segura, cinco en total.

Como eu me temía, e a pesar das miñas insistentes recomendacións, non tardaron en cometer repetidas imprudencias que foron, sen dúbida, as que causaron a súa desgracia. Daquela non se andaba con lerias. En canto se instalaron alí tiveron a mala idea de botarlle unha multa ao cura de Chavaga -que era tanto como pregoar onde estaban- e este, para non pagala, liscou. O cura tiña un sobriño que tamén era sacerdote e a el ocudiron para que convencese o seu tío de volver, que se entregaba a suma pedida endexamais sería molestado. O home volveu, pagou, e de momento así quedaron as cousas.

Pero aconteceu aínda algo peor. Un mozo do lugar casara cunha filla da casa onde estaban Guillermo Morán e os outros e, polo tanto, máis de unha vez, cando visitaba á sua sogra falaba cos guerrilleiros. Aínda que nunca vira o Roces, sabía perfectamente onde paraba. O caso é que entre o do cura e o da filla do caseiro, buscaron a ruína. Un día foron delatados, ¡vai saber ti por quen!

Eu coñecía ben aquelas casas e toda a zona, pois abríraa xunto co Roces. Opúxenme a que as utilizasen, pois conviña deixalas descansar e, sobre todo, non queimalas con actuacións ao tolo. Pero tanto insistiron, que por fin aceptei non sen facerlles mil e unha recomendacións, aínda que non me fixeron caso. Seguiron alí e fixeron cousas como as que che acabo de contar.

Se a Benito non o matan, el mesmo tería liquidado a Evaristo González O Roces e a Guillermo Morán, pois xa estaba farto de historias de casas e de enlaces.

O 20 de abril de 1949, pola mañá cedo, un importante destacamento da garda civil, con máis de sesenta homes, cercou a casa onde estaba O Roces e apretáronos para que se rendesen. Responderon con disparos de subfusil. Entón pedíronlle que deixaran saír os caseiros, ao que accedeu. Abandonaron a morada o matrimonio que alí vivía e mais unha filla da casa, Luisa Centeno, que por certo era moza do Roces. A continuación iniciouse un intenso tiroteo entre sitiadores e sitiados.

Por outra parte, Guillermo Morán, desde unha ventá da outra casa, viu como os gardas asaltaban o refuxio do Roces, pero non advertiu ningunha forza nos arrededores da vivenda nin na estrada próxima. Ante a crítica situación na que estaba o seu compañeiro, os cinco guerrilleiros decidiron acudir na súa axuda.

Guillermo Morán en vangarda, seguido de Fermín Segura e, algo mais retrasadados, Julián Acebo, Gregorio Colmenero O Porreto e Saúl dispúñanse a cruzar a estrada para parapetarse e sorprender os gardas por detrás. Antes de que os dous primeiros puidesen chegar a ela, un garda escondido lanzou unha bomba de man que matou a Guillermo Morán. Segura, que ía detrás, salvouse por casualidade. Os outros tres, ao oíren a explosión, seguidos por Segura, correron cara unha leira de centeo. Pero a garda civil tíñao todo previsto e situara nela fusís metralladores. Antes de comprender o que pasaba, Julián Acebo Alberca O Guardiña e Gregorio Colmenero O Porreto caeron cribados a tiros; Segura recibiu un disparo na boca que o deixou sen dentes e Saúl, ileso por pura sorte, foi quen de fuxir.

Os gardas pensaran, con acerto, que atacando o Roces os outros acudirían na súa axuda e puxéronlles unha trampa na que caeron de cabeza.

Namentres, O Roces, disposto a vender cara a súa vida, non deixaba calar as armas. Contáronme que recibira dous tiros e tapara as feridas con anacos de camisa para non se desangrar. Sabía que estaba perdido e antes de morrer por morrer intentou unha saída desesperada. Xa fóra da casa berraba, segundo me dixeron:
--¡Covardes! ¡Compañeiros covardes! Salveivos a vida a todos varias veces e agora abandonádesme. ¡Covardes! Non sabía que tres dos seus compañeiros morreran e que outro estaba moi mal. Ramón López Casanova e a súa irmá María pereceran no asalto, pois os gardas utilizaron lanzagranadas.

O Roces viu desde a porta a Luisa Centeno, a súa moza, que estaba onda un garda, e vai saber o que lle pasou pola cabeza naquel momento que disparou contra ela e feriuna. A moza foi trasladada ao hospital. El, sen deixar de disparar, conseguiu entrar nunha leira de millo99 e agachouse entre as plantas.

Alí á beira vivía un home con dous fillos e unha filla, e todos coñecían ben os homes da partida. Os gardas, pouco predispostos a correren riscos, pois xa tiveran algunhas baixas, mandaron un dos rapaces á leira para que falase co Roces. Este sentiu que alguén se lle achegaba por entre o millo e sen dúbida pensou que antes de morrer aínda había levar algún garda por diante pero viu o rapaz a tempo e entendeu que ningún garda se arriscaría a ilo buscar.

-- Es ti. Dille aos gardas que xa poden pasar. E pegouse un tiro, suicidouse.

Cando aconteceron este feitos eu estaba na Pobra de Trives, a uns vintecinco quilómetros en liña recta e ao sueste do lugar do asalto, e se non foi o mesmo dia foi ao seguinte cando souben o acontecido. Entón mandei a Chavaga unha rapaza que estaba no Albaredo, que casara cun fillo da casa onde paraba O Roces, asasinado polos franquistas ao comenzo da guerra civil. Aquela moza xa me abrira unha casa en Montefurado, a primeira aldea da provincia de Lugo. Foi ela a que me contou todo o acontecido con todos os detalles.

Segura, ferido na boca, chegou a unha casa amiga, pero como non podía falar non o recoñecían e non querían darlle paso. Con moitas penas logrou identificarse e entón atendérono. Samuel Mayo Méndez Saúl, non sei como fixo pero conseguiu pasar a Francia, aínda que máis tarde regresou e morreu nunha emboscada que lle preparou a garda civil de Cesuras (A Coruña),


O 31 de marzo de 1950.

Despois da exterminación da partida de Evaristo González Pérez O Roces, comenzou a desbandada. A xente, pouco a pouco, foi abandonando a loita armada.


http://www.facebook.com/notes/benxam%C3%ADn-mac%C3%ADa/20-abril-1949-sucesos-de-repil-do-libro-a-guerrilla-antifranquista-de-mario-de-l/10150698717923920

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                               
 

Respuestas (0)
 
  • » 20 ABRIL 1949 - SUCESOS DE REPIL (do libro "A guerrilla antifranquista de Mario de Langullo, O Pinche", de Antonio Téllez Sola) « - I Love A Pobra do Brollón - 20/04/2012 19:39 


Volver Responder
 
Nombre
E-Mail
Asunto
Web
Enlace a una
imagen

Mensaje