 |
É certo que os gobernantes gregos, e do resto da UE, maquillaron as ratios económicas para entrar na zona euro. E que mentres os demais adecuaron a realidade a eses datos, os gregos non o fixeron. En todo caso supoño que foi para inverter máis e favorecer o crecemento e non recortar o estado de benestar. E o que é seguro, é que nin os cidadáns de Grecia, nin os do resto da Unión, teñen a culpa. Salvo catro espelidos, votaron entre as opcións que tiñan sen poder coñecer a realidade. E endebedáronse ou investiron coa oferta bancaria que tiñan se que ninguén os informase da realidade. Grecia ten agora unha pequena (polo seu importe) débeda astronómica (para a súa capacidade) que cada vez lle é máis difícil pagar. E claro, por portarse mal hai que castigala. Ao seu pobo, por suposto, non aos seus dirixentes. Necesita 130.000 millóns de euros que os gregos terán que pagar con sangue, suor e bágoas. Diñeiro en préstamo, claro, non a fondo perdido, e con tipo de xuro alto. A Grecia non se lle pode conceder un préstamo levadeiro a longo prazo e con baixo tipo. É o que ten ser malo. Pero para obtelo terá que seguir sangrando suando e chorando o pobo grego. Despois do golpe de mercado que substituíu o goberno lexitimo por un banqueiro e un obrigado gabinete de concentración incluída a extrema dereita, pagarán con rebaixas en salario mínimo e pensións, redución de funcionarios e aumentos de impostos para as clases medias e baixas, non vaia ser que teñan que aportar os Onassis e compañía. Mentres aos bancos, inocentes da crise, se lles inxectan billóns de euros a baixo interese, que eles rendibilizan comprando débeda soberana con alta retribución polo aumento das primas de risco orixinado polas Axencias de Cualificación controladas pola banca. Iso permítelles poder manter o poder adquisitivo dos seus consellos de administración e altos executivos que poden seguir especulando mentres se garanten, eles si, substanciosas pensións. Que a vellez, para eles, é moi dura. Pero que ninguén se preocupe. Xa nos chegará a quenda de máis recortes aos demais. Á fin, Grecia foi a nosa antecesora na civilización, e agora estao a ser na nosa futura economía se o Olimpo non o remedia. Ao tempo. Rafa Castillo. http://rafacastillo2.blogspot.com/
|
| |
|