 |
Non cabe dúbida de que para algúns non é o mesmo gobernar que estar na oposición. Iso vese claramente no PP que nun mes pasa, sen solución de continuidade, de Partido Proletario a Partido do Pau. E aplican, ampliado e sen complexos, medidas que na oposición facíanlle romper as vestiduras. Os que na oposición meten cantos paus, madeiros e troncos encontran nas rodas do goberno, cando gañan as eleccións apresúranse a pedir á nova oposición unha responsabilidade que nunca exerceron. Pero como algúns se creen por enriba do ben e do mal dende a situación de normalidade que para eles supón que o poder o detenten eles mesmos, clase privilexiada do país, se o estiman necesario, non respectan nin a Constitución nin as sentenzas do Tribunal Constitucional, e fan por Decreto Lei o que eles mesmos recorreron en etapas anteriores. En 1997 o Alto Tribunal declarou inconstitucional a suba por Decreto Lei da tarifa do IRPF feita por Felipe González en 1992 nos inicios da penúltima crise. E esa declaración foi consecuencia dun recurso presentado polos deputados do PP. Agora eles fan o mesmo, sen estar no seu programa electoral nin tan sequera no seu ideario político, e esixen ao PSOE responsabilidade. E enriba sáelles ben, porque sen dúbida a terán. En todo caso queda claro como os populares acatan e respectan as sentenzas dos tribunais. E como cumpren as leis como a Constitución que xuraron hai dúas semanas. É que nin terán podido comungar o domingo seguinte ao Consello de Ministros. Rafa Castillo. http://rafacastillo2.blogspot.com/
|
| |
|