 |
Parece ser que a garda civil pillou in fraganti a Del Pont no terrible delito de usar un alcume para escribir en internet. Estou seguro, non obstante, que a noticia non transcendeu á prensa por declaracións da GC, senón do ofendido tertuliano único da Televisión de Quiroga. Ten agora o Berlusconi quirogués a oportunidade de denunciar ao amigo Fray Vinagre por todas as aldraxes que o reverendo frade verteu nas redes sociais sobre o avantaxado emulador de Hugo Chávez. Se é certo, claro, que houbo aldraxes. Porque se non... que hai de malo no uso dun alcume? As redes sociais, e internet en xeral, permiten asomarse ao mundo virtual ocultando a propia identidade. Iso só é malo cando tras ese anonimato se comete un delito. Pero en todo caso hai que diferenciar entre o anónimo e o alcume. É totalmente lícito que para manter un debate, alguén cree unha personalidade inexistente e dende ela reflicta os seus puntos de vista. Se o fai dende o anonimato xoga con vantaxe pois pode mesmo contradicirse. Se o fai tras un avatar vese obrigado a manter unha liña coherente de opinión, e ponse en igualdade de condicións que os demais. Salvo, claro, que pensemos que Fígaro, Clarín, Fernán Caballero ou, a outro nivel, Marcial Lafuente Estefanía cometían un ilícito ao escribir. Por certo. Se o afamado locutor quirogués quere demandarme, que non acuda á benemérita. Aínda que uso o alcume "Rafa Castillo" son Rafael Castillo Reboiro, da Pobra do Brollón. Doado de localizar. Rafa Castillo. http://rafacastillo2.blogspot.com/
|
| |
|