 |
CONSTRUCIÓNS REFLEXIVAS
No galego só existen, por regra xeral, construcións reflexivas puras ou directas, nas que o pronome reflexivo realiza a función de complemento directo do verbo. Por conseguinte, en galego non son correctas as construcións reflexivas indirectas, ou sexa, aquelas en que a acción non se exerce sobre a totalidade do suxeito, senón só sobre unha parte e, deste xeito, o reflexivo funciona como complemento indirecto do verbo.
Formas incorrectas: *Laveime as mans. *Queimácheste un dedo. Formas correctas: Lavei as mans. Queimaches un dedo.
Só se poden dar construcións reflexivas indirectas se o reflexivo realiza a función de dativo ou complemento indirecto e hai outro elemento que realiza a función de acusativo, tamén cando o pronome reflexivo pode ser substituído por “para si” ou en construcións de reciprocidade.
Preguntaraste se iso que contan é verdade. Resérvome o dereito a dicilo. Dixéronse cousas moi graves un ao outro.
Hai unha serie de verbos que, xeralmente, non se empregan en construcións reflexivas; adormecer, apurar, caer, calar, casar, baixar, enfermar, escapar, espertar, estremecer, morrer, parar, partir, podrecer, quedar, romper, sorrir, subir.
Pola contra, hai verbos que só son reflexivos; atreverse, dignarse, suicidarse, espreguizarse, inmutarse.
Debemos ter especial coidado no uso dos verbos que teñen distinto significado segundo sexan reflexivos ou non. afogar: causar a morte por sumersión na auga ou, simplemente, por suspensión da respiración. afogarse: suicidarse colgándose polo pescozo cunha corda.
baixar: ir dun lugar máis alto a outro que está nun nivel inferior. baixarse: dobrarse con dirección ao chan encollendo o corpo.
calar: gardar silencio, non falar ou descender ao fondo da auga. calarse: parar un motor debido a unha insuficiente alimentación do carburante.
ir: moverse dun lugar a outro. irse: abandonar o lugar onde está unha persoa ou cousa.
parar: deter, facer cesar un movemento ou unha acción. pararse: examinar, traballar con moito detalle.
quedar: permanecer nun lugar. quedarse: perder o sentido ou morrer de súpeto.
rir: mover os músculos faciais, principalmente a boca, e emitir un son característico que expresa alegría. rirse: burlarse de alguén.
Nótula: Collido das Gramáticas.
|
| |
|