 |
Se a quen foi Ministro Secretario Xeral do Movemento con Franco, José Solís Ruiz, se lle chamaba o sorriso do réxime, non cabe dúbida que o flamante Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, será pronto coñecido como a gargallada do PP. Nas declaracións despois da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira dicía entre risas, referíndose ás CCAA, “Pódeselles aplicar mellor o rigor porque están mortas, é rigor mortis". Tamén ría dicindo que o acusaban de socialdemócrata. En fin, o contrario da chorona ministra italiana. Como este Goberno fai as cousas "como deus manda", nada mellor para incrementar o populismo que tomar medidas duras e contundentes coas desviacións das CCAA. Claro que entre De Gindos e Montoro se meteron nunha lea dicindo un que intervirían as CCAA e o outro que non, pero que as sancionarían. A cousa agora está en que a intervención é a sanción e que "se van esixir responsabilidades penais aos xestores públicos que superen os límites de endebedamento". E seguramente o coro mediático aplaudirá o rigor e a medida. E para colmo o Presidente de Extremadura, José Antonio Monago, pide que a medida se estableza con carácter retroactivo. Ou o señor Monago ignora que non pode considerarse delito ningún feito que no momento que aconteza non está tipificado como tal, ou, se o propón a sabendas, en que mans estamos. Pero analicémolo. Superar os límites do endebedamento non pode ser sempre delito. Porque ese límite pode superarse por gastar máis do previsto no presuposto, en cuxo caso se incorre en prevaricación xa sancionada no Código Penal, ou por unha inesperada redución dos ingresos, por exemplo por unha recesión, en cuxo caso non pode considerarse delito. Ou sexa que Montoro reinventa a pólvora mollada anunciando esixir unhas responsabilidades penais que xa existen, e outras que non poden existir. Ao final o Ministro fala por falar, pero todos quedan contentos. Isto é rigor. Rafa Castillo. http://rafacastillo2.blogspot.com/
|
| |
|