 |
Macropaíses: No seu día, e para financiar os custos da Entrada en Europa da Alemaña Oriental, lóxica, pero que beneficiaba fundamentalmente a Alemaña, e que supuxo a entrada dun país na UE pola porta de atrás, Alemaña superou de sobra o déficit do 3% que ela mesma impuxera na unión. Hai uns días estivemos en vino, pendentes de que o Tribunal Constitucional Alemán dese luz verde ao Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), elemento fundamental para o proceso de rescate que se aplicará proximamente ao noso país. Hoxe a noticia é que Alemaña antes de admitir que Europa supervise as súas caixas,deberá sometelo ao Parlamento, Bundestag e Bundesrat, co que novamente se atrasan os mecanismos de supervisión europea. Micropaíses: España e outros países do sur de Europa vense obrigados a tomar medidas duras de recortes en dereitos sociais para reducir drasticamente o déficit, no que incorreron por causa dunha crise internacional, e non desestabilizar así a banca e a economía alemás. Hai un ano vímonos sometidos a aceptar a imposición dunha reforma constitucional, expresa e en período preelectoral, que nos obriga a pagar antes as débedas coa banca que a supervivencia dun moribundo. España viuse obrigada a unha reforma drástica do seu sistema bancario que produciu a desaparición das caixas de aforros e un burato na banca que os cidadáns teñen que asumir e pagar co seu sacrificio. A Grecia e Italia impóñenselle primeiros ministros non democraticamente elixidos e procedentes da banca. Macroeconomía: A banca, que ocasionou a crise internacional e financiou frivolamente as burbullas inmobiliarias e similares en España e outros países, convértese nun auténtico sumidoiro de recursos recibindo inxentes cantidades de diñeiro do Banco Central Europeo a baixo interese que inviste na compra da débeda pública a maior interese e garantida polos estados, mentres pecha a billa do crédito e se nega a financiar cidadáns e empresas. Mentres, os seus altos executivos seguen percibindo retribucións e indemnizacións astronómicas. Microeconomía: O cidadán que, enganado polo seu banco, comprou unha vivenda por enriba, non das súas posibilidades previstas, senón da estabilidade destas, perde o seu traballo pola crise orixinada pola banca, non pode pagar a súa hipoteca, perde a súa vivenda e séguelle debendo o banco, mentres cos seus impostos e os recortes nos seus dereitos sociais financia a crise bancaria. Macropolítico: O líder o Partido Socialista Portugués, Antonio Seguro, quen dixo hoxe na SER que o límite da austeridade está na dignidade das persoas. http://www.cadenaser.com/internacional/audios/antonio-seguro-receta-gobierno-portugues-misma-hace-ano-funciona/csrcsrpor/20120927csrcsrint_1/Aes/ Micropolítico: Mariano Rajoy Brey. Rafa Castillo. http://rafacastillo2.blogspot.com.es/
|
|
|