Rafa Castillo.    rafacastillo2@hotmail.com http://rafacastillo2.blogspot.com/ Fecha  26/12/2011 03:18 
Host: No mostrado/ Not shown    IP: No mostrado/ Not shown    Sistema: Windows XP


Volver al foro Responder Nunca é o momento.   Admin: Borrar 	mensaje
 
Mensaje
Son xa moitos os anos que os militantes, cando falamos da necesidade de debate e cambios no noso partido, oímos sempre a mesma resposta. Agora non é o momento porque estamos xa na precampaña de tales ou cales eleccións. E a verdade, é que é certo. Falte o que falte para as seguintes eleccións, os partidos téñennos sempre en precampaña, e ademais, entre xenerais, municipais, europeas, as das catro autonomías do artigo 151 e algún referendo de vez en cando, saímos case a 2 eleccións por ano.
E así, claro, nunca é o momento. E máis se xogamos ao cortopracismo. Saímos da derrota electoral da historia nas municipais, e o que o partido nos ofrece é elixir, perdón, aclamar un novo líder. E logo unha Convención para aparentar que facemos algo máis que debater de nomes. E cando revalidamos a derrota cum laude nas xerais, un congreso expreso sen tempo para debater nin tan sequera para encontrar un novo líder que nos dea esperanza. O pretexto? Hai unhas eleccións andaluzas e o congreso sérvenos para apoialas. E por iso faise en Sevilla.
En Galicia fan o mesmo. Como presumen que as eleccións autonómicas as adiantarán a maio, congreso en marzo, para que non nos collan en pleno congreso. Habería mellor mensaxe á cidadanía que non que ao convocarse as eleccións nos encontrasen traballando nos seus problemas? Vale máis un cartel ou unha idea? E se non as adiantan? E se as adiantan a marzo?
É que non entenderon nada! Volvemos ao de sempre. Máscaras e xogos de artificio. Fanse congresos e conferencias para aparentar un debate inexistente, e convértense os procesos de elección de dirixentes e órganos do partido en sistemas de cooptación en lugar eleccións que dean opcións aos máis válidos. E así nos vai. Renovamos os dirixentes cos mesmos de sempre, e as ideas... que eran?
O outro día estiven de oínte, como sempre, no Comité Provincial da miña provincia. Dirixentes de sempre agora sen cargo e xa con anos, parecían membros das xuventudes recén chegados. Críticos coma se sempre tivesen sido reivindicativos en todo o seu pasado. Algún chegou a dicir á executiva que sempre vía mesmas caras. E é certo. Víaas pero non diante, senón ao lado. Quen non viu compañeiros rotarse en Congreso, Senado, Parlamento Autonómico e Europeo, substituíndose nos devanditos cargos sempre os mesmos? Quen non viu listas renovadas constantemente nos postos de recheo mentres nos de saída rotan sempre os de sempre? Non é precisamente, cando as expectativas de postos se reducen, cando xorden os neocríticos que quedan sen posto?
É tal a importancia que se lle dá ás ideas, que na miña asemblea local, cando as executivas propoñen incluír nas listas de deputados un compañeiro, non o fan en función de novas ideas coas que estimular a transformación da sociedade, senón para relanzalo como candidato á alcaldía. Teño que recoñecer que hai tempo compartía eu esa forma de pensar. Cando os meus pais me dicían que tiña que ser enxeñeiro de maior para gañar moito diñeiro, eu soñaba con chegar a enxeñeiro, gañar moitos cartos, e comprar un trolebús para dedicarme ao transporte de viaxeiros que era o que me gustaba. Pero tiña daquela seis anos.
Por certo. Serve de algo a proposta de candidatos que fan as agrupacións locais? Aí deixo a pregunta.
Temos que saír deste bucle. E temos pouco tempo. Só hai, polo tanto, dúas opcións. Ou encontramos un novo candidato que se presente como provisional e nos conduza a un novo proceso congresual serio e de debate, ou aprazamos este congreso negando todos os asistentes o respaldo aos candidatos de sempre, de forma que ningún se poida presentar.
É a hora da militancia. Recordo que Paco Vázquez dicía nun Comité Nacional Galego algo como "os dirixentes a dirixir, os gobernantes a gobernar e os militantes a pegar carteis". Temos que rematar con iso e cambialo por "os militantes a decidir as directrices e os programas, os dirixentes a desenvolvelos e os gobernantes a cumprilos.
Felipe dicía, nos malos momentos, máis militante que nunca. Nós igual. Máis militantes que nunca. Fomos disciplinados militantes explicando o imposible dende entón ata o mesmo día das eleccións. Fomos máis militantes que nunca. Agora tócanos ser militantes de verdade e sen complexos. E polo tanto, gobernar o partido como corresponde nunha organización democrática.
E sobre todo, que non nos quiten ás bases o papel que nos corresponde. Nós somos os críticos, e nós somos a alternativa.
Rafa Castillo.
http://rafacastillo2.blogspot.com/                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                
 

Respuestas (0)
 
  • » Nunca é o momento. « - Rafa Castillo. - 26/12/2011 03:18 


Volver Responder
 
Nombre
E-Mail
Asunto
Web
Enlace a una
imagen

Mensaje