 |
O moi "progre" ministro de Xustiza, recuperado xa daquela diarrea mental de que as mulleres se sentían premidas polo seu ámbito para abortar, acaba de anunciar que non só volverá á lei do aborto anterior senón que pretende suprimir o suposto de malformación do feto. Aduce que lle parece eticamente inconcibible que se desprotexa o concibido polo feito de que teña algunha minusvalía. Xa no caso das mulleres "premidas" dixo que o goberno as apoiaría para ser nais. E todas as medidas que ese goberno tomou foron para facer máis difícil a maternidade. Dende favorecer o despedimento, suprimir as bonificacións ás empresas polas mulleres embarazadas, suprimir bolsas, aumentar o copagamento, eliminar medicamentos do sistema e agora subir o IVE do material escolar do 4% ao 21%. E supoño que tamén o dos chuches do neno de Mariano. Pois ben. Como paso previo a prohibir e condenar o aborto por malformación do feto, o goberno recortou de xeito indecente as axudas á dependencia para que a muller obrigada a ter un fillo con necesidade de axuda non a teña, e quen sabe. Talvez co seu sacrificio gañe o ceo. Hipócritas! Na súa análise inxenua e beata, Gallardón non pensa en se esa muller dispón dos medios necesarios para atender axeitadamente as necesidades do seu fillo. Se dispón do tempo necesario, se ten a saúde física e psíquica axeitada, se ten máis fillos ou que será do nacido cando morran os seus pais. De momento obrigarán a ter fillos quéiranse ou non. Tardarán moito en obrigar a bautizalos? Rafa Castillo.
|
|
|