 |
A polémica destes días está no acordo do concello de Monforte de darlle no nome de Manuel Fraga a unha rúa da cidade. Esa decisión debeu analizarse nunha tripla dimensión. Como político, como Presidente da Xunta de Galicia e na súa relación co municipio. Como político, Fraga foi, non hai que esquecelo, ministro de Franco. Certo é que foi relator constitucional. Pero tamén o é que foi a rémora do relatorio e a el débense os artigos menos progresistas da Carta Magna. Tamén é certo que atraeu á democracia a elementos do franquismo. Pero esa actuación fixo que as políticas do PP cando goberna sexan propias da dereita máis rancia ata o punto que se pode dubidar se trouxo a extrema dereita ao centro ou leva os votos do centro dereita cara ao extremo. Talvez tería sido mellor un partido minoritario de extrema dereita e unha dereita moderna á europea. Por certo, nin el nin o PP como tal condenaron o terrorismo franquista. Aplicaráselles algún día a lei de partidos? Respecto a Galicia, tampouco é pacífica a análise da súa actuación. É verdade que Fraga, que en España era antiautonomista, foi un converso do autonomismo. Pero tamén o é que colocou a Galicia na cabeza das autonomías de segunda en lugar de loitar polo seu recoñecemento ao nivel de Euskadi e Catalunya. E que a súa política de gasto, cuns medios case ilimitados, en lugar de crear un país moderno e dinámico, consistiu na repartición de subvencións para compra de votos, sen deseñar a Galicia do futuro e fomentando o caciquismo que reflectiron os seus alcaldes e presidentes de Deputación. Sobran os exemplos. Na súa mentalidade, Fraga non aspirou a ser o gobernante dun estado dentro dun estado federal. Nunca pasou de querer ser o pedáneo dunha aldea grande. No tocante a Monforte, non se pode esquecer na análise da súa actuación como gobernante con Monforte que foi cicatera, de mínimos, ata lograr asfixiar o goberno municipal e coa actitude caciquil indicada lograr desbancar o goberno de Celestino e poñer no seu lugar o PP. E só cando coincidiu co goberno popular, fixo inversións en Monforte, e para iso moito menores que outros gobernantes como os socialistas dende o goberno de España cando a maioría das competencias que afectan ao inversión local son da Xunta. Rafa Castillo. http://rafacastillo2.blogspot.com/
|
| |
|