 |
Se nin sequera nas ciencias físicas se poden establecer verdades absolutas, imaxina, Óscar, nas sociais. Non é absolutamente certo que non deba de gastar o que non se ten. Todo depende de en que gaste. Naturalmente, se eu pido un crédito para comer este mes, o próximo encontrareime con que os meus ingresos tampouco me chegan para comer e ademais teño que devolver o crédito. Pero se eu empezo a traballar con emprego ou soldo estable e pretendo facer unha inversión, por exemplo comprar un piso, está claro que debo pedir un crédito. Pola contra tería que pagar o aluguer, aforraría pouco e o diñeiro aforrado hoxe, cando despois de 30 anos puidese comprar o piso non tería apenas valor. O mesmo pode dicirse de quen pretenda facer unha inversión como montar unha empresa. Se non pido o crédito antes de empezar, de onde saco o diñeiro para a súa posta en marcha? Cos países acontece o mesmo. Por iso hai que diferenciar en primeiro lugar entre o déficit estrutural e o conxuntural. É estrutural cando é necesario para atender as necesidades básicas ou ordinarias do Estado. Iso é sinal de que o Estado ten un nivel de gasto que non pode atender. Outra cuestión é o déficit conxuntural. É o déficit en que se incorre, por exemplo, para facer unha inversión extraordinaria que nos servirá para poñernos en vantaxe competitiva con outros países. É o déficit que tivo España nos anos 80 para afrontar unha reconversión industrial que foi traumática en moitos sectores, pero que modernizou o país e o fixo competitivo. E é conxuntural o déficit en que se incorre, tendo de partida unha débeda baixa, nun momento de crise para manter o nivel adquisitivo dos cidadáns ou aumentar o investimento público para suplir o privado. Sabendo sempre que, superada a crise, debe de eliminarse o déficit e reducir de novo a débeda. Esta política, chamada keynesiana, foi a que aplicou Roosevelt para saír da crise orixinada pola gran depresión, ou a que está a aplicar Obama na actualidade. E fíxate que Xapón, despois de anos de crecemento cero, crece agora polo investimento que se está a facer para superar os problemas de tsunami e do accidente nuclear. Rafa Castillo. http://rafacastillo2.blogspot.com/
|
|
|