M.Vidal Villaverde/G-Hoxe/balonga     Fecha  5/10/2009 16:50 
Host: No mostrado/ Not shown    IP: No mostrado/ Not shown    Sistema: Windows XP


Volver al foro Responder Carlos Mella: o galego ten resistencia de carballo   Admin: Borrar 	mensaje
 
Mensaje
Publicidad

Carlos Mella: “Non vai ser doado que desapareza o galego: ten resistencia de carballo”
“Non entendo que o goberno galego poida amosar tal desleixo polo idioma dos seus cidadáns”
POR MANUEL VIDAL VILLAVERDE

Carlos Mella desempeñou o cargo de presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega no ano 2000

Carlos Mella Villar (O Foxo 13-8-1930). Estudou Dereito na universidade de Deusto e licenciouse na de Santiago. Obtivo o doutorado na Universidade Complutense de Madrid. Diplomado en Ciencias Económicas pola Sorbona, especializouse en temas monetarios e financeiros na universidade de Harward. É Máster en dereito financeiro e tributación. Ingresou por oposición no Ministerio da Facenda, no que ocupou os cargos de xefe do Servizo de Información, director do Servizo de Análise económica, subdirector e director xeral de Política financeira. Foi así mesmo funcionario da Organización Europea de Cooperación e Desenvolvemento (O C D E ) en París durante catro anos. Foi representante de España nas Nacións Unidas na primeira conferencia mundial sobre Comercio e Desenvolvemento.

O conselleiro do Banco Hipotecario, conselleiro do Instituto Nacional de Planificación Contable. Tamén, durante cinco anos, foi profesor da cátedra de Economía Política na universidade Complutense. Nese período premiouno a Fundación March polos traballos sobre os ciclos económicos.

No sector privado, foi presidente do consello de administración de Carcesa, de Isodel-Sprecher, e de Frigsa. Conselleiro de Forum Inmobiliario e de Latinoamericana de Financiaciones. Elixido deputado ó Parlamento Galego ocupou os cargos de vicepresidente da Xunta e o de conselleiro de Economía. No ano 2000 foi elixido Presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou Non somos inocentes(1990), A Galicia posible (1992), Bieito Bieito(1993), Coa palleta distraída(1993), A falacia do economicismo(1994), Luces de Fisterra (1994) e Sorte do paxariño(2004)



Como é habitual nestas conversas, e talvez como preocupación miña e de moitos galegos entre os que, sen ninguna dúbida, te inclúo a ti, seméllame que o PP, ou o núcleo españolista que agora nos goberna, tenta manter o idioma galego en estado de precariedade e de desigualdade fronte ó castelán. Ameazan con derrogar o Decreto de Normalización. Se se perpetra definitivamente o ataque e se intuímos unha sostida algarada dos galegófobos por perpretar manter a patética diglosia e arrasar a lingua e a cultura que vén dos nosos devanceiros... ¿cal é a túa reflexión diante desta miña longa pregunta?

A pregunta si é longa; e daría para moito. Porén, tentarei resumir as ideas. Primeiro : Nunca fun quen de comprender ese odio que semella que algúns galegos senten cara ao seu idioma, non só o rexeitan senón que tentan de extirpalo; quizais, e para ser amábeis, o galego non foi o seu idioma materno, pero iso non debe facerlles esquecer que é o idioma do país, é dicir, o idioma de moitos galegos tan dignos e respectçabeis como eles poidan selo, e que teñen os mesmos dereitos ca eles. Segundo: Tampouco entendo que representantes políticos, gobernos e autoridades que gobernan un país que ten o galego como idioma oficial, poidan amosar tal desleixo polo idioma dos seus cidadáns e se acochen hipocritamente en bilingüismos harmónicos e outras palinodias. Terceiro: Unha aposta. Persoalmente, sinto un feble polo castelán, góstame. coido dominalo mellor cá maioría dos castelán falantes; sei pór as preposición onde se debe e non como cadra, como vexo decote, e góstame e creo coñecer a literatura castelá, dende o ‘Mester de xuglaría ou clerecía’, ata hoxe. E agora pídolles ós loitadores polo castelán, ós que falan de dereitos e de igualdades por ferrados, que por favor, digan do galego o mesmo que vén de dicir do castelán este temible esgazador de patrias , este rústico ridículo.



Así, Carlos, ante esta situación adversa para o galego , ¿non che parece que unha discriminación positiva a favor do noso idioma sería o máis xusto, dado o rotundo dominio do castelán en todos os medios de comunicación?

Se mal non me lembro, o galego, ten o Estatuto Galego que, misteriosamente, certos políticos galegos tenden a esquecer sen decatarse de que eles están onde están porque existe un estatuto, estatuto que, a maiores. eles xuraron defender e aplicar. E o tal estatuto declara no seu artigo nº 5: "A lingua propia de Galicia é o galego", e imponlles a obriga de "potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento". Do que se colixe que se o gobernante cumpre o seu deber estatutario, se goberna con boa fe, non sería necesaria ningunha discriminación: todos seriamos bilingües dentro dun tempo prudencial. E permítome opinar que falar dúas linguas sempre será mellor que falar unha. Situación diferente será se a gobernanza ben hipotecada por determinadas forzas ou intereses. Pero, neste caso, pedir discriminacións positivas non serve para ren e mesmo significa rebaixarse diante dun poder alleo.



E insistindo no tema. ¿Cres que o galego corre o risco de desaparecer?

Poderíase responder que iso depende dos galegos. E sen deixar de ser certo convén apoñer algunha aclaración: os galegos están moi traballados por unha estarrecedora propaganda a prol do castelán que, arteiramente, identifica o galego con rústico, pobre e, arteiramente tamén , espalla que falar o galego impide falar o castelán, a lingua do futuro, "que mesmo está a invadir Norteamérica". Tamén semella que falar o galego dificulta moito falar inglés. Porén, e a pesar do dito, coido que non vai ser doado que desapareza o galego: semella resistente; ten resistencia de carballo nas adversidades e agroma vizoso na mínima ocasión favorable. Quizais se acaroen tempo duros, pero os tempos democráticos son breves; unha ou dúas lexislaturas e cambian as tornas. Doutra banda, e aínda que moitos non se decataron, as linguas vernáculas corren parellas coa autoestima dos que as falan. Preocúpame mais a castelanización da fala; esa mestura de galego, castelán e inglés, que prexudica a todos e non aproveita a ninguén.



Outra cuestión sobre o mesmo: Nas universidades e nula a presenza do noso idioma, agás en facultades moi concretas. ¿Concordas?

É natural que así sexa. A historia vén de lonxe. A universidade era territorio propio da burguesía. Dunha burguesía que tiña vergoña de ser galega e, como nos recordaba Saavedra Fajardo, "prefiere refugiarse en los armiños del castellano"... "odian su idioma y hacen estudio para olvidarlo". Os galegofalantes de seu non chegaron á Universidade ata tempos aínda non arredados. E até onte falar galego na universidade era de mala educación.



O teu ensaio ‘A Falacia do Economicismo’, ¿pódese e débese interpretar como un ataque ou desmontaxe do capitalismo e dos seus derivados como o neoliberalismo?

En realidade non é un ataque, nin sequera unha desmontaxe. Sinxelamente, é unha descrición : alí estaban, á vista de todos, as súas orixes, os seus procederes, os seus fins. E aí están os resultados das súas avarezas, da súa falta de ética, da competitividade descontrolada e do que, ao cabo, sucede cando a sociedae, é dicir, todos nós, perdemos o rumbo ético, e confundimos riqueza con virtude e produción con progreso. O curioso é que o libro se publicou no 1994. Agora, esgotado, volven demandalo. Agora tamén se fala de que ninguén avisou da crise. Vouche reproducir o remate: "É necesaria un ivestimento moi serio de valores: debemos pasar, dito brevemente, da filosofía actual do máximo posible a unha filosofía máis humana do óptimo razoable. E non se trata dunha prédica moral, trátase dunha necesidade ineludible: ou o facemos nós dirixindo o proceso reflexivamente, ou alguén entre a poeira e o estrondo do derrubamento, estará xa a argallar un novo sistema de explotación". Dezaoito anos van aló.



Como político considéraste de esquerda nacionalista e, en certa maneira, federalista co recoñecemento de Galicia como nación, que a dereita española nega?

Vaiamos ao xeito. A dereita española négalle a Galicia a condición de nación. Pero a esquerda española tamén llo nega. Que nisto de sermos antigalegos, a dereita e a esquerda española van de ganchete. E tamén forman na estadea antigalega, eses galegos castelanfalantes que agachan un precioso acento galego e tentan disimulalo. E como agora non exerzo de político, senón de cidadán, dou a minha opinión como cidadán; considérome galego, galego enxebre. E como galego penso en nacionalista e en esquerdas, e coido que outros, co mesmo dereito, pensaran diferente. Se che digo que negar hoxe que Galicia é unha nación, negar o seu ser nacional, entra dentro do terreo do inútil e, polo mesmo só pode producir melancolía.



Monarquía e democracia: ¿Non é un contrasentido evidente?

Con certa prudencia ousaría ceibar opinión variada. Si e non. Depende. A democracia e, en por si, tolerante. Tamén é coma unha esponxa: acepta costumes, incorpora ritos e ten habelidades para enfornar as máis variadas fariñas. Só pide tolerancia. Por iso, se me falas das monarquías hiperbóreas ou de monarquía inglesa, non tería dúbida en dicir que conviven con pouco trastorno. Se te refires á monarquía borbónica, teño para min que o contrasentido é total. Aquí a monarquía foi imposta, guste ou non guste: O Rei foi nomeado por Franco, guste ou non guste. O Rei xurou os principios fundamentais do movemento, guste ou no guste. Ós cidadáns furtóusenos , na transición, o dereito a votar monarquía ou república, guste ou non guste. E todo iso non acaba de sandar. A maiores, teño para min que o rei é inconstitucional . Tamén che digo que neste intre non me preocupa o tema.



¿Temos que describir a Galicia como nación, ou é unha obviedade, unha tautoloxía pavera?

Coido que xa está contestada en esencia. Para min que Galicia sexa nación é unha obviedade. Que fora esmagada polos de fóra e esnaquizada polos de dentro, que non a deixaran ser, é outra leria para discutir noutro intre. Non sei o que queres dicir con "tautoloxía pavera", pero podo adiviñar que os que consideran a Galicia como unha tautoloxía paveira son os mesmos que consideran tautoloxías os dereitos humanos, a solidariedade , a democracia e demais pataqueiradas progresistas.



O libro ‘A Galicia Posible’, ¿séguela a ver como cando a escribiches ou velo doutra maneira, con distinta proposta ou formulación?

Na ‘Galicia Posible’ tratábase de poñer enriba da mesa de estudo as vantaxes e as eivas dunha Galicia posible e o que se podía facer evitando soños utópicos, maximalismos imposibles, equilibrando doses de carraxe e vontade. E poñía acento sobre os desequilibrios que entangarañan o noso país e as súas causas; con certas matizaciós coido que seguen vixentes. O desequilibrio económico, que vén causado pola autocolonización e pola dependencia de intereses alleos: os axentes económicoa galegos aceptaron esa dependencia. O desequilibrio social causado pola submisión ante o poder e a falta de esixencia na súa correcta utilización: os galegos, confundindo o público co privado, tentaron solucionar os seus problemas recorrrendo ó favor público e quedaron pillados nunha rede caciquil. O desequilibrio político vén causado pola impotencia dos políticos galegos de traducila existencia de Galicia en presenza política; mide a discordancia entre o que é Galicia e o que representa no concerto español.



¿ Ata que punto chega a inocencia e converxe co real?
Pregunto isto a propósito do teu libro ‘Non Somos
Inocentes’.

Ese libro trata dos principios da transición en Galicia, cando, daquela aínda inxenuos, coidabamos que estabamos a deixar pegada na historia. Pronto os lagarteiros botaron ollada de recoñecemneto e decontado apareceron os intereses xerais, sempre en contra dos intereses de Galicia, os acordos soterraños, as estratexias elaboradas e toda a faramalla política. Como era lóxico, pronto deixamos de sermos inocentes: as virxindades na política duran pouco.

A pesar do dito, é libro de humor; a realidade pasada pola peneira dun humor amable. Lembro o retrato que facía entón dos socialistas, virxes aínda na loita galega: "Daquela os socialistas eran máis xustos que Salomón, máis bos que San Xosé e máis valentes có Apostolo. Ademais, aínda eran de esquerdas. Os de Alianza Popular vestían traxe democrático pero aínda andaban por Indibil e Mandonio". Hoxe xa profesionalizados os actores a inocencia non se lles pode supoñer.



Que de verdade ou mentira piadosa en ‘Luces de Fisterra’?

‘Luces de Fisterra’ é unha disección crítica da realidade galega dos primeiros tempos da "era Fraga". É un esperpento total, como esperpéntica era aquela xeira, sen que, ó parecer, os galegos se decatasen do caro que lles ía saír o refestexo. É un libro no que o humor trata de pór orde naquela algarabía e reflicte os soños de todo ditador: declarar guerras, ter armada, vestir uniformes, esa incontinencia de querer ser todo, padriño no bautizo, morto no enterro; esa capacidade para moverse sen ir a ningures; esa necesidade patolóxica de adulación, ese empreñar polas orellas . Ó fío de feitos esperpénticos vanse debuxando realidades que, ben miradas resultan ser ben próximas, e que deitan as claves para coñecer o porqué dalguns sucesos da historia recente.



A república independente galega, ¿ É un soño ou unha utopía que pode cumprirse algún día?

Ó meu xuízo, está demasiado lonxe. E non se debe poñer como algo hoxe dentro do posible. Polo de agora é un soño e os espertares adoitan deixar mal sabor.



Entre o bipartito e o PP que nos goberna, ¿cal é a diferenza, a mágoa ou a realidade?

É unha mágoa que o bipartito perdese o norte nos últimos catro meses . Un mandato máis, xa coa experiencia de goberno que non tiña cando chegou, era necesario para asentar o que se quería facer. Foi cos seus moitos erros, o único goberno galego. Deica agora os nosos gobernos, incluídos os de Fraga, non pasaron de ser delegacións do goberno en Galicia.

Do social, ¿cal é o voso
posicionamento?

Estou farto de dicilo, pero como resumo: non admito que o cidadán sexa só un consumidor; a produción está ó servizo do home; non admito pobreza nos servizos públicos e riqueza nos privados. Quero leis iguais para todos, incluídos os financeiros. Se non hai solidariedade pública, un país non paga a pena.



A liberdade do individuo é tamén utópica. Ó mesmo tempo, hai medo desa liberdade?

No economicismo a liberdade é utópica. Déixanche liberdades banais, o coche, a color do electrodoméstico e pouco máis. As liberdades fundamentais están monopolizadas por alguén; mesmo o sistema tenta de facer un individuo insolidario e gregario e, polo mesmo, non libre. "Medo á Liberdade" e o título dun famoso ensaio.



Vive a literartura galega, en relación con outras literaturas, unha etapa de esplendor.

Non estou seguro de que as cousas sexan así. De todos os modos, non teño opinión.



Un partido nacionalista sería necesario en Galicia?

É cáseque unha obviedade. Nun estado autonómico se non tes un partido nacionalista xogarás en inferioridade de condicións. Se non tes partido nacionalista non tes presenza política. Para o caso, estás na feira do gando sen cartos para mercar e sen vaca para vender: estás de mirón. ¿Quen saca tallada todos os anos? Cataluña e Euskadi, as dúas autonomías con partidos nacionalistas. O certo e que dá un algo de vergoña ter que recordalo.



Outro libro teu recente, e para min precioso e estimulador. Falo de ‘Memorias dun Ninguén’. ¿Somos unha mirada equivocada de nós mesmos?

Algo diso hai. Adoitamos ter unha boa idea de nós mesmos e convén, con humildade, e con humor, e con amor entreternos en mirar que pouca cousa somos: nacemos, choramos, expernexamos e desaparecemos. Iso é todo. E convén recordalo cando nos inza a vaidade.



Cal sería a imaxe con palabras que ti farías con respecto ó tempo, Carlos?

Meu, deixo que Platón che conteste. O tempo é a imaxe móbil da
eternidade. l
                                                                                                                                                                                                                                                                                                                               
 

Respuestas (1)
 


Volver Responder
 
Nombre
E-Mail
Asunto
Web
Enlace a una
imagen

Mensaje