Host: No mostrado/ Not shown
IP: No mostrado/ Not shown
Sistema: Windows XP
É nas contas onde se fala coa verdade
Publicidad
A Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL) denunciou onte a “drástica redución” no volume de orzamentos que a Xunta de Galicia lle adicará a política lingüística. Segundo informa este colectivo, “o presuposto redúcese en máis dun 20% con respecto ao 2009 e tamén se os comparamos coas últimas contas do Goberno de Manuel Fraga”. Para a coordinadora estes recortes tradúcense “nun paso atrás que acrecenta a regresión na política lingüística do Goberno galego”.
“É nas contas públicas onde mellor se reflicten as prioridades políticas de quen as elabora, polo que este proxecto de orzamentos demostra, unha vez máis, que o Goberno da Xunta só está disposto a dar pasos atrás no proceso de normalización da lingua galega, incumprindo así os acordos aos que se chegaron por unanimidade no Parlamento de Galicia, nos que se especifica que a normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo e en ningún punto de vista regresivo”, advirten.
Segundo denuncia Nel Vidal, responsable da coordinadora, “as contas dedicadas á lingua baixan de xeito drástico ata un 20%”. Así, en 2010 dedicaranlle á lingua 3,9 millóns menos que en 2009 e 4,2 menos que en 2005”.
“Todas as accións importantes da Secretaría de Política Lingüística sofren un importante recorte. Redúcense os recursos para campañas de normalización da lingua nun 36%, do mesmo xeito que se reducen partidas tan importantes como as que se lle dedican a empresas editoriais para proxectos da lingua galega, a asociacións sen fin de lucro nun 25% e aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino público nun 20%”, din. Igualmente, tamén critican que “para o fomento do uso do galego desde as administracións locais a cantidade practicamente segue sendo a mesma que en 2009 e 2005 cunha contía total arredor dos 800.000 euros”. Para os traballadores de normalización “estas partidas contrastan cos anuncios da secretaría xeral de que a administración municipal constitúe a vía de dinamización lingüística local”.
Dende outra asociación a prol do galego, A Mesa Pola Normalización Lingüística, tamén se critica con dureza a redución de presupostos. Segundo explicou a Xornal o seu presidente, Carlos Callón, “a redución ten unha clara simboloxía, sobre todo cando dende a Xunta están a negar sistemáticamente que as súas políticas vaian en contra do galego”. “Xa o di a Biblia: ‘Polos seus feitos os coñeceredes’”, ironiza Callón.