Host: No mostrado/ Not shown
IP: No mostrado/ Not shown
Sistema: Windows XP
O idioma galego, sempre
Publicidad
O idioma galego, sempre XOSÉ MANUEL BEIRAS Nunca acreditei nese aforismo pesimista e reaccionário de que a historia sempre se repite. Non se repite, non. Mais como se move en circunvolucións que configuran unha espiral ascendente no tempo, proxectada esa forma sobre un plano adequire a aparencia dun "círculo vicioso": a única preceptíbel para os que só teñen unha visión plana carente de perspectiva histórica, mesmamente. Hai xa todo un cuarto de século que escribira e publicara o texto que hoxe reedito eiquí para vós. Relino estoutro día por azar e, de sutaque, tiven eu tamén a impresión de se repetir a historia. A do ataque político contra o noso idioma, neste caso, dende as institucións que teñen a obriga constitucional de preservalo, defendelo e amparalo de calisquer agresións. Escribírao por mor do recurso interposto polo goberno español contra a Lei de normalización ligüística aprobada polo Parlamento galego na sua primeira lexislatura, recurso promovido polo daquela delegado dese mesmo goberno na Galiza e quen, para máis cabal humor negro surrealista, viña ser simultáneamente presidente da RAG. Esperpento a duas voces: a dos que tiñan a obriga de protexer a diversidade lingüística existente no ámbito do Estado, constitucionalmente declarada como patrimonio cultural a preservar, e máis a de quen presidía a institución que outrora presidira Murguía, criada a iniciativa dos emigrados galegos na Habana para a defensa e promoción do seu idioma xenuino, o idioma ao que nen mesmo na emigración eles renunciaban, o idioma propio da Galiza.
Agora repítese o esperpento, mais non a historia. Os feitos son análogos na aparencia, mais a historia é outra. Non vola vou relatar, porque estades a vivila coma min: sería unha ofensa á vosa intelixencia. Mais agora non é un goberno español quen agrede ao idioma galego. Non. É unha brigada de demolicións e "limpeza étnica" empoleirada nas institucións políticas constituídas, disque, para o goberno autónomo do pobo galego, a forma inda limitada de autogoberno resultante da loita secular deste pobo polos seus dereitos sociais, culturais e políticos, conquerida co suor e o sangue dunha moitedume de homes e mulleres que ao longo da nosa historia dérono todo sen cobizaren nada, coa soa arela de exerceren a dignidade como seres humáns e como pobo na igualdade de dereitos individuais e colectivos. Pois velaí: agora, os cidadáns galegofalantes non temos dereito a que a administración autónoma galega nos fale no idioma galego. Eis a igualdade de dereitos levada á perfeición. Eis o esperpento levado ao paroxismo: a administración pública galega non ten nen tan sequer que coñecer o idioma proprio do país que administra. Talmente coma o quechua, o aimara ou o guaraní na administración colonial española de outrora. A historia non se repite: a historia, ás veces, rise de todos nós. Por iso, en reciprocidade, reedito ese meu escrito de hai xa un cuarto de século: por rirme dos ananos do país que coidan gobernar a historia. Eivados pola sua visión plana, mal saben que a historia se move en espiral -que, como nos relembra Fernán-Vello, é a forma máis perfecta do movemento. Inasequíbel, xa que logo, a reptantes de recú.
**********************************
"... todo esto me atrevin a contar neste homilde libro para decir unha vez siquera, e anque sexa torpemente, aos que sin razón nin conecemento algún nos desprezan, que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradisimas provincias cunha risa de mofa que, a decir verdade (por máis que ésta sexa dura), demostra a iñorancia máis crasa e a máis imperdoáble inxusticia que pode facer unha provincia a outra provincia irmán, por probe que ésta sexa".
Rosalía, Limiar de Cantares Gallegos, 1863
Semella que o idioma galego, que o Celso Emilio denominou "lingua proletaria do meu pobo", segue a ser, hoxe, o idioma da "soa e verdadeira xente do traballo no noso país", cen anos despois de que así o dixera Rosalía. Esa xente, o pobo traballador de Galiza, non se fai cuestión de deber cando fala na súa lingua. Tampouco se facía cuestión de tal Rosalía ao empregala adoito, xa que era a súa, mais foi por identificación solidaria con ese seu pobo -"foi este o móbil principal que me impeleu"- polo que deu ao prelo os Cantares e as Follas novas, pese aos seus reparos de modestia e humildade auténticas. Non había daquela leis, constitucións nin estatutos que lle dictasen este deber. Tampouco había gramáticas nin regulamentacións que normativizasen o idioma no que escribía. Mesmamente ao revés: porque, conxuntamente, este pobo seguiu a falar esa lingua cen anos máis, e unha constelación de galegos xurdios como Rosalía deron en escribila, devolvéndolle unha vixencia literaria que perdera continuidade por opresión española, e máis porque as forzas políticas de alento nacionalista alumeadas polo país fixérona veículo de expresión tamén e reivindicaron unha normalización legal que elas praticaban xa, hoxe é lingua cooficial en Galiza e hai unha lei para a normalización do seu emprego -e un día ese idioma será oficial sen "co" e o seu uso será un feito "normal" e pleno na prática social, cultural e institucional deste pobo como ente político soberano.
De pouco val que gobernos españois non ilustrados recorran fronte a textos legais enunciadores de pautas de normalización con emendas á totalidade, a un anaco, a un artigo, a un número dun artigo, ou a unha verba dun número dun artigo. De pouco val que missi dominici deses gobernos, e doutros que xa foron, e máis outros que aínda poidan vir, propicien servilmente esas iniciativas gobernamentais. De pouco val que presidentes de reais academias momificados, paralisados, comestos por unha chispa para toda a eternidade no punto culminante dunha longa conduta de traizón -sen ventura-, petrificados no xesto avilecedor do renego, carezan de valor e probidade para faceren o seu deber ou írense embora. De pouco val que fariseos e pescadores de fortuna entolden o río da historia co seu croaxar hipócritamente escandalizado, eles que decote foron inimigos do pobo que esbullan e ben os coñece. Todo iso carece de importancia. É un episodio máis -simplesmente grotesco esta vez- nunha historia que dura moitos séculos e non foi quen de matar nin aniquilar a este país vedraio e decote frolecido en mil primaveras máis. De nada valeu aferrollalo e mantelo en estado de sitio durante centurias. De menos aínda vai valerlles botar pelouriños baixo as rodas do seu carro, se xa dixera Cabanillas que "o estadullo carreteiro non lle ten medo aos fusís".
É aberrante tentar borrar das palabras impresas dunha lei normalizadora do uso do idioma o enunciado do deber de coñecéreno tódolos cidadáns galegos e máis quen en Galiza habiten e pretendan vivir en sociedade. Aberrante pero elocuente encol da índole profunda dun sistema falaz montado sobre o equívoco, a hipocresía, as contradicións non asumidas e o culto ás aparencias. Se a lei non establece ese deber tocante ao galego, ¿con qué lexitimidade o establece a constitución tocante ao español, e para todos os cidadáns do Estado, incluídos os galegofalantes?. ¿Con qué armas legais poderase loitar fronte á diglosia en defensa do galego, idioma dominado? ¿Ou non é un síntoma e unha proba máis dese status a actitude mesma dun goberno español que tenta impugnar a expresión legal meramente declarativa, e sen armas coercitivas ningunhas para a súa aplicación, do deber de coñecer o idioma galego? ¿Non é un chamado á hostilidade e á agresión defensiva cara o español?. Mais se a expresión legal dese deber carece de relevancia, como afirman agora membros e portavoces dese goberno español, ¿a qué recorreren contra dela?
É aberrante, mais ao cabo é ben certo que carece de importancia. Porque o que non saben goberno, delegados seus e fariseos todos, eses "iñorantes e férridos e duros, imbéciles escuros" que "non nos entenden, non" -como xa os definira Pondal e cantamos no himno todos os que o cantamos enteiro-, o que non saben eles é que a vida dos pobos vai sempre por diante e alén das leis que elaboran os parlamentos, mesmo cando son leis progresistas; que a vida social que o dereito escrito codifica é o motor dos procesos históricos, e non ao revés; e que, finalmente, o alancar do pobo galego cara a eclosión plena da súa cultura viva varreraos a todos do seu carreiro e reduciraos a marxinais mencións oprobiosas en notas a pé de páxina nos libros que no futuro relatarán este presente como pasado de entón.
Perante iso, carece de importancia a actitude do goberno español. Atrancos piores foron derrubados. En vez de téremos o apoio de poderes políticos soi-disant progresistas no goberno do Estado español, teremos o seu receio e obstrucións. Mais o custe posíbel desa actitude encol dos nosos dereitos e deberes virá compensado noutro plano pola contribución que aporta a decantar e facer nidia a urdime dunha farsa tráxica, sarillo de equívocos e enredos para pillar incautos, que este pobo está a descifrar e tornar en xeira descolonizada, na que el é, está a ser, o único protagonista lúcido.
Compostela, outubro do 1983
Respuestas (0)
» O idioma galego, sempre « - X.M.Beiras/Galicia-hoxe - 19/07/2009 07:28