Host: No mostrado/ Not shown
IP: No mostrado/ Not shown
Sistema: Windows XP
As trolas do PP
Publicidad
O BNG ante a anulación do concurso eólico
O goberno do PP vén de anunciar a súa intención de derrogar o concurso eólico promovido polo BNG desde o goberno. Ésta é, sen asomo de dúbida, unha decisión política para a que non existe ningún tipo de aval xurídico. Como xa ten feito o PP cos seus ataques ao galego e a anunciada derrogación do decreto da nosa lingua no ensino, Núñez Feijóo e os seus conselleiros e conselleiras adoptan decisións políticas que logo tentan disfrazar como resolucións asépticas e baseadas en criterios legais inexistentes.
O decreto desenvolvido no seu día polo nacionalismo galego responde a un proxecto verdadeiramente transformador para Galiza que buscaba un revulsivo económico e social para o País. Este profundo cambio, a favor da economía real de Galiza, o que provocou a reacción virulenta dos sectores empresariais máis beneficiados polas políticas históricas do Estado.
Os obxectivos que perseguía o BNG eran: desenvolvemento do sector, repercusión dos beneficios en Galiza, aposta pola industrialización e polas empresas propias e titularidade pública do 14% da potencia instalada que revertiría directamente no beneficio dos galegos e galegas. Cómpre lembrar tamén que o concurso levaba aparellada a realización de investimentos en proxectos de desenvolvemento por unha contía duns 1.300 ME, o que suporía a creación de milleiros de postos de traballo en plena crise económica.
O do BNG era un modelo transparente de convocatoria pública, con criterios obxectivos de valoración especificados no DOG e con todas as garantías técnicas, xurídicas e administrativas. O decreto guiábase por un modelo non especualtivo, respectuoso co medio natural, que buscaba unha xestión profesional e que mantiña un rigoroso respecto polo medio natural. Tratábase de darlle a volta ao guión seguido polo PP até 2005 durante 16 anos e que agora queren recuperar. Os populares comprometeron 4.200 MW de potencia eólica con procedementos escuros e sen dar explicacións á cidadanía. Asi, admitiron a trámite parques impulsados por promotores individuais, normalmente próximos ao PP -lembremos o caso Castro Valdivia-, e que en ocasións, nin sequera acreditaban os requisitos de capacidade legal, técnica e económica esixidos pola normativa do sector eléctrico (non polos gobernos populares, que nin tan sequera tiñan criterios explícitos nin obxectivos).
Fica, xa que logo, clara a finalidade desta decisión política: deixar a Galiza sen instrumentos que lle permitan valerse por si mesma e conseguir asi que se alonxe cada vez máis da soberanía e do autogoberno. Eis, de novo, os modelos nacionalista e popular contrapostos:
*Participación pública frente a intereses privados
*Aposta pola economía e as empresas do País, fronte ao entreguismo ás empresas foráneas e ás grandes operadoras enerxéticas