xornal     Fecha  19/09/2010 19:37 
Host: No mostrado/ Not shown    IP: No mostrado/ Not shown    Sistema: Windows XP


Volver al foro Responder Galicia recoñecida coma Nación hai 77 anos pola Sociedade de Nacions.   Admin: Borrar 	mensaje
 
Mensaje
Xulio Ríos: “Todos poderían recoñecer hoxe a nación de 1933, era autonómica e leal ao Estado”
Galicia obtivo o seu recoñecemento nacional hai 77 anos na Sociedade de Nacións, a ONU de entreguerrasMIGUEL PARDO | 19/09/2010

Tal día como onte, pero hai 77 anos, Galicia era recoñecida como nación no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna en 1933, un organismo adxunto á Sociedade de Nacións (a ONU de entreguerras) que deu ao país unha definición que segue a provocar debate nesta época. Xulio Ríos, colaborador de Xornal e autor da obra Galicia e a Sociedade das Nacións, analiza a escasa reivindicación e relevancia dunha data tan senlleira para a historia.



Que supuxo naquel tempo a declaración de Galicia como nación?

Significou, entre outros, que Galicia adquiriu un status que antes non tiña, pasando a ser recoñecida como unha nacionalidade por unha instancia internacional de gran relevancia. Lembremos que o representante galego naquel evento, Plácido Castro, foi recibido polo presidente do Consello da Sociedade Nacións (a ONU de entreguerras), Mowinckel, primeiro ministro noruegués, ademais de polo presidente do parlamento suízo, M. Motta. Ese recoñecemento deu azos á reivindicación da autonomía e reforzou o compromiso co desenvolvemento da nosa identidade.



Conseguiuse o intento de provocar o recoñecemento da condición nacional galega no exterior?

O ingreso no Congreso de Nacionalidades Europeas, que funcionaba como un organismo adxunto á Sociedade de Nacións, foi posible despois de contactos e visitas previas, como a do seu secretario xeral, o estonio E. Ammende, quen estivo en Galicia. Os galeguistas daquela contaban cunha estratexia de acción exterior cuns eixos que aínda hoxe están vixentes en gran medida e que poden ser compartidos pola inmensa maioría da sociedade galega. Cando tanto falamos de Europa, non deberamos esquecer que aqueles galeguistas, por exemplo, figuraban entre os primeiros europeístas do Estado.



Non foi minguada a importancia que tivo ese acto de Berna? Por que?

Na época tivo o seu eco. Os galeguistas eran plenamente conscientes da súa importancia. Na Asemblea que celebraron en Pontevedra en 1933, Plácido Castro foi o delegado que obtivo máis votos –máis incluso que o propio Castelao–, asumindo a secretaría de relacións internacionais. Posteriormente, o Congreso de Nacionalidades Europeas foi vítima das circunstancias, que presaxiaban o estoupido da segunda guerra mundial. En Galicia, na posguerra, aquel feito pasou a presentarse como unha mera xuntanza de intelectuais europeos. Así aparece recollido en moitas enciclopedias. O nacionalismo que xorde a partir dos sesenta nunca tivo unha estratexia similar á dos galeguistas e desprezou boa parte daquela bagaxe como expresión do rexeitamento a aqueles que se presentaban como continuadores (Ramón Piñeiro) 
dunha causa que estimaban periclitada en formas e en contidos.



Non parece desfasado discutir hoxe en día a condición nacional de Galicia?

É un debate permanente porque está instalado no momento de tensión política que vivimos e porque non acadamos solucións que satisfagan a todos. Existe o temor ás posibles consecuencias do seu recoñecemento. Agora ben, do feito de que Galicia sexa unha nación non ten por que derivarse necesariamente a súa transformación nun Estado soberano, poñamos por caso. Haberá persoas que defendan esa perspectiva e outras que non. Polo demais, levamos douscentos anos discutindo a planta do Estado, practicamente desde a unificación borbónica.



Por que hai tanta polémica coa introdución do termo nun futuro Estatuto?

En razón dese medo a que estimule a desestabilización e a ruptura. Agora ben, non debería ser así, tanto en razón dese feito histórico que achega certa obxectividade política e institucional como da súa connotación última: ese recoñecemento está asociado á defensa da identidade, pero tamén de certa lealdade. De feito, o ingreso no Congreso estaba supeditado á aceptación do principio de lealdade das minorías, excluíndo o irrendentismo e a colisión cos estados, sen merma de esixir o respecto a dereitos elementais. Os galeguistas naquel entón asociaban nación e autonomía e consideraban que o Estado debía recoñecer e mesmo exaltar esa diversidade para gañarse a lealdade. Ese é un enfoque construtivo que Plácido Castro advertira no seu período de formación en Gran Bretaña.



Hai falta de valentía nas forzas políticas para definir como nación a Galicia?

Hai un problema de concepción, política e ideolóxica. E esa aceptación, nesa perspectiva, só é posible no marco dunha reforma profunda desas coordenadas, que hoxe non parece estar na axenda. Como categoría histórica, relacionándoa con este feito, entendo que podería ser perfectamente asumida por todos: aquela nacionalidade de 1933 era autonómica no senso reclamado polo Congreso e aceptado polos galeguistas. Todo o demais forma parte do debate propio dunha sociedade democrática.



Non cre que unha data como a de onte é pouco reivindicada polo galeguismo?

Sen dúbida. A propósito do pasado, o universo reivindicativo do nacionalismo contemporáneo é ben escaso e penso que falta moita reivindicación de feitos e persoas dese período nos que poderiamos atopar esa ilustración, xenerosidade e, moi especialmente, o sentido da perspectiva do que carecemos hoxendía. Queda moito por saber e aprender. A riqueza dese período histórico é inmensa. Mágoa de xeración perdida
                                                                                                                                                                                                                                                                                                                               
 

Respuestas (0)
 
  • » Galicia recoñecida coma Nación hai 77 anos pola Sociedade de Nacions. « - xornal - 19/09/2010 19:37


Volver Responder
 
Nombre
E-Mail
Asunto
Web
Enlace a una
imagen

Mensaje