Rey Nóvoa (C.D).     Fecha  28/06/2011 12:08 
Host: No mostrado/ Not shown    IP: No mostrado/ Not shown    Sistema: Windows XP


Volver al foro Responder Morre Galicia-Hoxe   Admin: Borrar 	mensaje
 
Mensaje
A OPINIÓN DO CONSELLEIRO DELEGADO
Galicia Hoxe: morre un soño

JOSÉ MANUEL REY NÓVOA
TAL DÍA COMO HOXE, 28 de xuño: 75 aniversario do Estatuto de Autonomía; regreso, en 1984, dos restos de Castelao: enterro de Galicia Hoxe. A nosa terra perde. O Grupo Correo Gallego chora. Os que aman o galego están de loito. Consumouse un novo capítulo do plan de destrución sistemática dos símbolos diferenciadores da nosa terra.

¿Por que desaparece o herdeiro do primeiro xornal en galego da historia, único que se editaba en Galicia no noso idioma? Entre todos matárono. A radical política de austeridade da Xunta rebaixou a cifras ínfimas as axudas directas á defensa do galego na prensa. Sen subvencións institucionais (sábeno ben en Cataluña e Euskadi, que apoian sen complexos os seus respectivos idiomas) non hai empresa que poida soster un proxecto economicamente viable durante moito tempo. Só a conxunción de dous milagres, o dun Editor con maiúsculas, Feliciano Barrera, e gobernos sensibles á promoción do galego, os de Fraga e Touriño, fixeron posible a supervivencia de O Correo Galego e Galicia Hoxe durante case 18 anos.

Mañá serán historia para desesperación dalgúns e o desprezo olímpico doutros. As culpas están moi repartidas. ¿Que foi dos 261.513 votantes dun partido nacionalista que presume de defender o galego? ¿Onde estiveron os 50.000 manifestantes en favor do idioma que ateigaron Santiago en 2009? ¿Que fixeron para defender a nosa lingua na prensa as institucións do país que suspiran polo idioma, léase Consello da Cultura Galega, Real Academia, Galego polo Ensino, Mesa pola Normalización, Pedrón de Ouro... e tantas e tantas plataformas e colectivos que claman a diario polos obxectivos que defendía cada mañá o xornal?

Avanzamos a duras penas durante case dúas décadas polo deserto da soidade e a ingratitude. Sentímonos dolorosamente sós. A fría soidade do que nada contra corrente. Desaparecemos do universo xornalístico galego por un pecado de omisión colectivo que abandonou á súa sorte á única empresa xornalística galega que se atreveu a pór en marcha unha iniciativa pioneira na amada lingua de Rosalía.

A empresa editora realizou unha aposta sen límite de recursos para manter vivo este soño do noso Editor. Unha dirección de luxo, Caetano Díaz; unha redacción excepcional, comprometida con Galicia e os seus signos de identidade, e todos os medios tecnolóxicos e de promoción inimaxinables fixeron posible alimentar e manter vivo o soño, que o tsunami da crise e a insensibilidade de moitos converteu en cruel pesadelo. Morre un símbolo; sangra a empresa por todos os poros; unha vintena de profesionais engrosarán desde hoxe as temibles listas do paro. Mentres, os responsables asisten imperturbables ó enterro. Pousa Antelo, na manifestación dos 50.000, citando a Castelao, afirmou: "Se os galegos aínda somos galegos é por obra e graza da nosa lingua". De acordo con esta sentenza, os galegos somos hoxe un pouco menos que onte. É un día de loito para a familia de EL CORREO GALLEGO. A dor é infinita. Perdemos un dos nosos activos máis queridos, que agora se refuxiará e tratará de multiplicarse na web. Doe e sangra a ferida. Tardará en cicatrizar. Estamos feridos, si, pero non mortos.
                                                                                                                                                                                                                                                                                                                               
 

Respuestas (0)
 
  • » Morre Galicia-Hoxe « - Rey Nóvoa (C.D). - 28/06/2011 12:08


Volver Responder
 
Nombre
E-Mail
Asunto
Web
Enlace a una
imagen

Mensaje